Busco título para un relato de moito medo

| 2 Imaxes

Na estrada que avanza cara ao cumio da montaña, antes da primeira curva, verás a man dereita o tellado da casa. Semella que está construída nun buraco, camuflada, como si a intención última fose escondela de algo ou alguén. Baixa as escaleiras que conducen ao xardín, vai con coidado, son moi escorregadizas, sempre están húmidas. Agarda alí, non abras a porta da entrada ata que eu chegue, nin se che ocorra entrar so. Dentro estará el, como sempre, agochado en calquera esquina, silencioso e paciente, sombrío e esquivo; capaz de seducirte para que pases á habitación onde está o espello.

Eran as cinco da tarde cando cheguei á casa, ía con atraso.  André xa non estaba e todo parecía indicar que seguira as miñas instrucións, non había mostra algunha de que se achegara á entrada principal, da súa presenza tan so quedaba a cabicha estrullada dun cigarro e unha chaqueta de cor azul pousada onda a caseta do pozo.

O meu cuarto era moi pequeno e estaba situado na parte máis deteriorada da casa, era escuro agás na media tarde, cando unha tenue raiola de sol asomaba pola fiestra. As paredes eran de cor branco e sempre estaban húmidas, o chan de madeira apenas era quen de soportar o meu peso, semellaba quebrarse a cada paso. Soamente había unha cama individual, unha mesiña de noite e o maldito espello de corpo enteiro que non deixaba de sinalarme dende o día en que a miña nai decidiu que xa era demasiado grande como para seguir durmindo ao seu carón. Achegueime a fiestra e apartei a cortina, André estaba lixeiramente inchado e descolorido, medio flotando no pozo. Teño que buscarlle solución a isto, tal vez un par de mans de pintura e os regueiros de humidade que enzoufan as paredes desaparecerán por un tempo. Tamén teño pensado botar un chan novo, calquera día vai haber unha desgraza.

Cannibal corpse: Scalding hail