En Ponte San Clodio, unha homenaxe sinxela a Eladio Rodríguez

| 5 Imaxes

Home de dous séculos, Eladio Rodríguez González naceu un 27 de xullo de 1864 nas terras de O Ribeiro de Avia, concretamente na parroquia de San Clodio do concello ourensán de Leiro. Alí pasou a súa infancia e parte da súa mocidade, ata que comezou a traballar como funcionario municipal en A Coruña (1888-1937), o que compaxinaba con outras vocacións: a xornalística e a poesía, ademáis de ocupar unha cadeira da Academia Galega, da que consta como un dos corenta membros numerarios fundadores.

Cun artigo seu titulado “Na xuntanza está a forza e na forza está o trunfo” abríase o suplemento “Nós. Páxinas Gallegas” que publicaba o xornal EL NOROESTE, do que Eladio Rodríguez foi director. No seu labor xornalístico tamén destacan as numerosas colaboracións que realizou en diversas publicacións como REVISTA GALEGA ou GALICIA, chegando tamén a dirixi-lo xornal LA MAÑANA.

Íntimamente vencellado á súa cidade de adopción –A Coruña-, e sentindo un acordo constante cara a súa terra natal que reflexaba nos seus versos, de Eladio Rodríguez consérvanse tres libros de poemas: FOLERPAS (1894), “RAZA E TERRA ” (1922) e “ORACIÓS CAMPESIÑAS ” (1927).

A súa poesía está considerada como eminentemente costumista, con notas patrióticas, de rebeldía ou loita e moi influenciada por Lamas Carvajal, Curros, Cabanillas e Pondal. Ademáis de que moitas das súas composicións poéticas chegaron a ser galardonadas en distintos certames, na súa obra tamén destaca o DICCIONARIO ENCICLOPÉDICO GALLEGO-CASTELLANO no que traballou toda a súa vida e que foi publicado tralo seu falecemento. Cómpre mencionar este diccionario, máis que polo seu valor filolóxico, polas súas aportacións etnográficas, xa que chegou a compilar gran cantidade de refráns, cantigas e modismos populares.

Eladio Rodríguez González -funcionario, xornalista e poeta- morreu en A Coruña o 14 de abril de 1949.

Fonte orixinal: http://diadasletrasgalegas.galiciadigital.com/homenaxeado/eladio-rodriguez-gonzalez_2001